Universo Gafas e Pallaso

A realidade de Gafas e Pallaso non se rexe polos mesmos patróns que a nosa, está claro: o contacto con outras formas de vida froito do libre tránsito intergaláctico e a mestizaxe que iso conlevou, peculiares ídolos relixiosos ou hexemónicas bebidas alcohólicas cuxa imaxe é un mito futbolístico, por non falar de raros mundos paralelos ou coqueteos co espazo-tempo, demostran o que estamos a dicir. Todo é posible, pois as leis físicas e lóxicas do universo da serie parecen quedar ao servizo da imaxinación e creatividade dalgún Deus que ten toda a pinta de ser un cachondo mental ou de estar seriamente trastornado.

Os protagonistas son a mellor mostra disto: un pallaso de raza que vén doutro planeta cunha riñonera máxica que xa quixera para si o mesmísimo Doraemon e un gicho cuxos lentes de sol forman parte intrínseca del como os pelos do peito ou o páncreas. Pero é que, ademais, as aventuras que viven son totalmente imprevisibles: sábese como empezan, pero non pode predicirse como acabarán. As deidades que moven os fíos deste universo son unhas malas pécoras, ao xeito do panteón grego.

O espazo no que están inmersos é o mesmo que o noso, mais a orde de relacións e as posibilidades, non. É como se do mesmo embrión do que saiu a nosa realidade saíra tamén a de Gafas e Pallaso, separándose dela nun momento indeterminado. Certa historia e acontecementos en común, pero toda unha cosmoloxía a maiores, distinta e coñecida.

Dentro desa cosmoloxía propia podemos considerar diversas especies e individuos particulares e pintorescos, sobre todo, pero tamén unha serie de elementos cotiáns que conforman un todo con personalidade característica  e identificable: unha cervexa monopólica cuxa imaxe corporativa é o mítico porteiro Oliver Kahn, unha propia canle de televisión por excelencia, unha relixión un tanto especial… Ingredientes que impregnan e singularizan o mundo no que transcorren as historias da serie.