A Serie

Xa está aquí Gafas e Pallaso, unha serie web como non se vira outra en galego. Un sopro de aire fresco que trae aromas cargados de humor e ecos de risas a esgalla.

Presencia connosco as aventuras e desventuras destes entrañables (pero nada estraños no seu mundo, por raro que pareza) amigos, que os levarán ao límite das súas posibilidades e facultades mentais poñéndoos a proba unha e outra vez en situacións límite e andanzas de todo tipo, desde unha cotidianidade revisitada ata o máis inverosímil ou absurdo.

En Gafas e Pallaso verás humor absurdo, parodias e referencias, cultura popular, gags visuais, clichés e arquetipos hiper-mega-utilizados, moita bizarrada, as gracias máis parvas, humor negro e pode que ata algunha pincelada de humor intelixente. E se non o ves non che vamos devolver os cartos, que tampouco pagaches para velo, pero es perfectamente libre de poñernos pingando polo medio que mellor che pareza; nós tamén somos moi de falar mal de todo.

Todo este barullo de termos e características intentamos mesturalo de xeito fresco e lixeiro, de forma que quedase algo ameno de ver, desenfadado e carallán. Esperamos que a imaxe xeral e outros elementos, de inspiración cartoon para darlle ese punch extra, impulsen esa sensación.

E como tampouco é plan de pasarnos vendéndoche a moto, deixámolo aquí e non che quitamos un precioso tempo que poderías empregar en cousas máis produtivas, como ver os capis da serie e o resto de material que colgamos, por exemplo.

Que vos preste!